«Non pensei noutra cousa que non fose ser gandeira, gústame a aldea».
Aínda que os seus pais consideraban convinte que cursara unha carreira, Raquel García apostou polo agro e agora tramita a incorporación á actividade agraria
amelia ferreiroa - lalín | la voz 01/06/2019 10:14 h
Con dezaoito anos e un título de bacharelato recén obtido no IES Laxeiro de Lalín Raquel García Rodríguez (A Lama-Saa, Dozón) non tivo nin a mínima dúbida á hora de encauzar a súa vida profesional. A gandaría era a súa meta.
_Non cabía outra opción que non fose adicarse ao gando?
_Non. Non me imaxinaba marchar de aquí para cursar unha carreira fóra. Non pensei noutra cousa que non fose ser gandeira, gústame moito a aldea e só pensaba nas vacas. O meu futuro profesional pasa por quedarme aquí.
_A familia, os pais, os compañeiros... que opinan?
_Meus pais preferían que fixera unha carreira que fose relacionado con algo do mundo rural, ao saber canto me gusta, por aquelo de ter algo se non me van ben coas vacas (risas). Eu expliqueilles que me quería quedar na explotación, entendéronme e acataron a miña decisión. No que se refire aos amigos e compañeiros apoiáronme ao ver que o tiña moi claro e que era o que quería.
_Non todos os mozos, con só 18 anos, teñen as ideas tan claras.
_Haberá de todo, pero no meu caso era algo que xa tiña moi meditado.
_Estás cos trámites para incorporarte á Actividade Agraria.
_Exacto. Estamos estudando polo miúdo como é o plan de incorporación xa que a idea é pasar a ser socia da gandaría que teñen meus pais, aquí en A Lama.
_Gandeiría de leite ou de carne?
_Na actualidade é de carne pero nos comezos eran vacas pintas. Chámase Ganadería Vázquez S.C., polo nome da casa xa que o apelido Vázquez xa se perdeu na familia, e funciona dende o ano 1990. Como comentaba nos inicios, tanto meus avós coma meus pais, tiveron vacas de leite, pero posteriormente apostaron polas de carne que son as que temos actualmente.
_De que razas falamos?
_Vienesas e asturianas. Son as dúas razas de vacas que temos en pastoreo. Contamos con 85 reproductoras ao que hai que sumar os tenreiros, en total son unhas 130 cabezas de gando.
_O feito de apostar por ditas razas atende a algún criterio en particular?
_Todos sabedes que Dozón é un municipio de montaña e tantos as vienesas coma as asturianas son as razas que mellor se adaptan a esta zona. A vienesa, que era unha raza en perigo de extinción e das que aínda hai poucas polo menos nesta zona; son uns animais duros, que non collen mamite e deféndense perfectamente dos lobos. Unha cousa fantástica xa que por aquí hai moitos lobos. As vacas asturianas polo seu lado sacan unhas moi boas crías e é algo moi importante para nós, que é de onde sacamos a rendibilidade da explotación.
_Hai futuro no rural?
_Claro que o hai. Proba é que eu decidín vivir e traballar aquí pero considero que é necesario facer melloras para que a xente moza opte por quedarse e non marche para a cidade. Logo fálase de despoboamento! Aquí mesmo contamos con algunha parella nova pero sin rapaces polo feito de que non temos unha gardería. Habería que propiciar de inmediato unha administración territorial con concentracións parcelarias. No noso municipio só As Maceiras conta cunha concentración... As administracións deberían de incrementar as axudas aos que apostamos por quedarnos no rural, para que non fique deserto e para poder mercar a maquinaria precisa, que é imprescindible pero moi cara. Carecemos tamén dun transporte público axeitado para poder desplazarse. Se queren que haxa máis xente no rural hai que invertir en axudas e en melloras integrales.
«Un servizo de substitución agraria sería moi valorado ao ser un municipio con moitas granxas»
Raquel xa ten tamén moi claro a que destinará a axuda que percibirá por incorporarse á actividade agraria: a mercar máis animais.
_Non sei con exactitude a cantidade que me vai corresponder pola incorporación, contía á que se sumará penso un plus por ser muller e menor de 30 anos, pero a idea é invertir en máis cabezas de gando.
_Das mesmas razas que tedes na actualidade ou comezar con outra?
_Coas mesmas: vienesa e asturiana. Sei como se adaptan, como son...
_Es consciente que se traballa os 365 días do ano.
_Perfectamente, pero prefiro dobrar horas na granxa e vivir feliz que estar encerrada nunha oficina.
_Un servizo de substitución sería de gran utilidade.
_Claro que sería fantástico, moi valorado pero non temos ningún. Creo que se se artellase habería moitos veciños interesados en botar man do mesmo para poder ter un par de días libres. É outra das iniciativas que se deberían de poñer en marcha naqueles concellos onde non o hai, caso de Dozón. Pensa que este é un municipio eminentemente gandeiro no que hai moitas granxas, sobre todo de porcino, aínda que tamén se está notando unha introducción de polos e viría moi moi ben o servizo.
_Conxuga o coidado dos animais con horta?
_Non. Só temos unha horta para autoconsumo. Os animais témolos en cinco lotes, que están lonxe uns dos outros, hai que levarlles auga en cisterna a algúns puntos onde non a temos, abonar as fincas axeitadamente para que as vacas poidan pastorear todo o ano... Traballamos dende logo que hai moito se queres ter os animais nas mellores condicións, que é o que procuramos.