Basilio Losada Castro Filólogo, traductor e escritor
“Os únicos amigos que me quedan son os libros”
“Eu fun dos que pensei que a España das Autonomías podía resolver os problemas das nacionalidades históricas, pero hoxe vexo que para os independentistas, nomedamente os cataláns, non é suficiente. Equivoqueime no pronóstico, pero sigo pensando o mesmo”
Basilio Losada. / FOTOS; ARQUIVO AELG-EDUARDO CASTRO BAL
Salvador Rodríguez - 13·03·22 | 03:09
Láiase de que a súa áxil e prodixiosa memoria non funcione, aos seus 91 anos de idade, como el quixera, pero ainda así resulta apaixoante conversar, malia que sexa telefónicamente, con Basilio Losada Castro (Láncara, Lugo, 1930), un dos intelectuais galegos máis importantes de entreséculos que, paradóxicamente, e agás os anos da súa primeira infancia, residíu toda a súa vida fora de Galicia, concretamente en Barcelona. Iso si, deulle tempo a percorrer mundo e medio coas súas viaxes, cáseque sempre relacionadas coa súa actividade profesional.
La RAG nombra académico de honor al profesor emigrante lugués Basilio Losada
efe
–Cando foi a última vez que estivo en Galicia?
–Se non me lembro mal, coido que foi hai cinco anos. E agora o que penso é que xa non podo volver nunca máis. Esa é unha das cousas que enchen o meu ánimo dunha dór desas que non doe, pero que aniquila. Non podo andar, nin sequera podería chegar ao avión…
–Vése que se rebela contra a vellez.
–Vou ser sinceiro. Eu máis ou menos imaxinaba que na vellez, debido as limitacions físicas, polo menos tería todo tempo para ler, pero o que está a ocorrer que ler é o único que me queda, o cal non é o mesmo. Coa maioría dos meus mellores amigos mortos, os únicos amigos que me quedan son os libros.
–Vde. marchou de Galicia xa de neno.
–Eu marchei de Galicia por primeira vez cando tiña tres anos de idade, en 1933. O meu pai, que era un home do campo galego, apuntouse a un corpo militar que existía daquela e que se chamaba a Guardia de Asalto, e aceptáronno. Daquela toda a famiia tivo que traladarse a Madrid e eu deixei de falar galego porque o meu pai deixóume moi claro que en Madrid tiñamos que falar en castelán.
–Pero axiña volveu…
–Si, foi cando estalou a guerra civil (eu chámolle incivil) e o meu pai tivo que ir á fronte. Era anarquista pero alistáronno os nacionais, cousa que levou moi mal durante os anos que lle quedaron de vida, que non foron moitos. Morreu en 1939 a consecuencia das feridas sofridas. Tivemos que regresar á aldea, e pasei outros tres anos marabillosos que coido que foron os que conformaron o meu espírito.
–Rematada a guerra trasladóuse a Cataluña. Como foron os primeiros anos en Barcelona, anos duros os da posguerra, supoño?
–A verdade é que para min non foron moi duros porque con que me deixaran xogar ao fútbol xa era feliz, non necesitaba máis. Iso si, houbo un momento no que comecei a precisar contos, historias... libros, vaia! Así empecei a formar unha biblioteca da que xa teño doado milleiros de volúmes, e ainda me quedan na casa uns catro mil que quero que se conserven en Galicia despois da miña morte.
–Quen inculcou en Vde. a paixón pola lectura?
–Iso veu dos contos que contaban na aldea cando regresei durante a guerra. Os homes xuntábanse arredor da lareira mentres as mulleres eran as encargadas de traer o viño. Alí contábanse historias, algunhas moi importantes.
–E a Vde. non se lle ocorreu contar nunca unha historia naquela lareira?
–Eu unha vez intentei contar a historia de como perdera unha pelota de futbol, pero axiña me mandaron calar. Non era unha historia importante.
- ⚬ Xubilado no ano 2000, foi profesor en España dos programas das Universidades de California e Illinois, do Knox College e do Darmouth College. Nomeado doutor honoris causa polo Knox College (EE.UU.).
⚬ Conferenciante en Portugal, Brasil, Holanda, Italia, Alemania, Gran Bretaña, Bélxica e outros países, escribiu centos de artigos sobre Literatura Galega, Portuguesa e Brasileira. Ten máis de cen obras traducidas de catro línguas. Recibíu o Premio Nacional de Traducción.
⚬ Galardoado con numerosas distincións como a Medalla Castelao, a Medalla de Galicia, a Cruz de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya, Comendador da Orde de Enrique o Navegante de Portugal e Cruceiro do Sul (Brasil), entre outras. É membro de la Asociación Internacional de Críticos Literarios e da Asociación de Escritores en Língua Galega.
–Ainda se parece en algo a Galicia que Vde. deixou á Galicia de hoxe en día?
–É cáseque totalmente diferente. Pero hai un fenómeno fundamental que é a recuperación do galego. Xa por fin o galego deixóu de ser a língua que falabamos só os aldeanos. Iso para min é a cousa máis satisfactoria que lle ocorreu a Galicia nestes dous séculos: a recuperación da dignidade da língua. O galego xa non se identifica como a língua que falan os pobres como cando eu era un neno, nin se rin cando escoitan falar galego, o que me causou aquel complexo de inferioridade que empezou cando, no primeiro día de escola, ocorreuseme decir unha frase en galego e todos estalaron a rir. Pero, xa digo, felizmente hoxe do galego pódese decir que é unha lingua de cultura.
–Licencióuse en Filoloxía Galega, pero teño entendido que a súa nai quería que Vde. fixera Dereito, e que a convenceu léndolle unha frase dos Evanxeos: “Non xulgues e non serás xulgado”.
–Iso hai que explicalo. Eu rematara xa a carreira de Filoloxía Galega na Universidade de Barcelona aos 17 anos e, cando llo contei á miña nai, preguntoume: “E que vas facer agora?”. Díxenlle que ía procurar emprego impartindo clases, ao cal miña nai reaccionou cun “Pero ti eres mestre?” Resposteille que si e ficou sorprendida: confesoume que ela sempre quixera ter un fillo xuíz. De maneira que fixen tamén a carreira de Dereito, pero deixeina cáseque cando chegaba á fin, xusto no quinto ano.
–Por que a deixou?
–Porque eu non me vía capaz de xulgar a ninguén por nada. Pero para convencer á miña nai, recurrín ese pasaxe dos Evanxeos que Vde. cita. E, ben, como miña nai era moi respectuosa coa Biblia, seica quedou tranquila coa miña excusa.
–Que está a ler estes días?
–Teño varios libros a man. Un deles é de Miguel Anxo Murado, “Outra idea de Galicia”, que me parece moi interesante, ata diría que apaixoante e de moi recomendable lectura. Estou abraiado con el. Tamén estou lendo un libro sobre o desencontro histórico entre España e Cataluña. E teño enriba da mesa un libro máis que acostumo a ler cada cinco anos. O seu autor é o francés Marcel Bataillon e explica por que España existe hoxe coas súas virtudes e os seus defectos. E interésame moito un volume que trata do desencontro entre Azaña (que fora presidnte da Segunda Republica) e Cataluña.
- –Aos seus 91 anos, ainda se aprende?
–Por suposto! Eu estou aprendendo moito precisamente co libro de Miguel Anxo Murado e, en xeral, día por día, un sempre aprende algo, malia que a min gustaríame aprender ainda máis.
–Polos outros libros citados, noto que lle interesan as relacións Cataluña-España. Que opinión ten da actual (e tensa) situación?
–Eu, coma tantos outros, pensei que a España das Autonomías podía resolver eses problemas que tivemos coas nacionalidades históricas. Pero hoxe vexo que para os independentistas de Cataluña non é suficiente. Recoñezo asi pois que me equivoquei no pronóstico pero, ainda así, sigo pensando que hai un camiño para que as nacións que compoñen España convivan entre si sen necesidade de rachar, de romper España.
–Ten dedicado parte das súa vida á traducción. Ademais do coñecemento do idioma, que cualidades debe ter un bo traductor, un traductor fiable?
–Traducir consiste en ler ben. De feito, é a mellor maneira de ler. Ese é o meu lema. Traducir con credibilidade e fidelidade é moi difícil. Eu cando vexo un libro que me parece interesante o primeiro que fago é lélo na súa lingua orixinal, se é que a coñezo, claro.
"A literatura brasileira enriqueceu o portugués da mesma maneira que os autores de países de fala hispana enriqueceron o idioma español"
–Vde. foi o primeiro tradutor de Jorge Amado ao castelán. Como descubriu a literatura brasileira?
–Cando tiña 16 ou 17 anos adoitaba ir ás librerías de vello, e nunha delas atopei un libro en portugués. Decidín mercar o libro para comprobar se, sabendo só galego, podía entendelo, e confirmei que si. Aquel era un libro de Jorge Amado, do que acabaría facéndome moi amigo, ata o punto de que traducín cáseque todas a súas obras.
–E despois de Jorge Amado traduciu a moitos máis escritores brasileiros.
–Si, si. É que a min sempre me tirou o Brasil. O brasileiro non é unha lingua diferenciada do portugués, pero posúe unha riqueza verbal inmensa que non ten o portugués que se fala e se escribe en Portugal.
–Seméllase co español que se escribe e fala nos países americanos de fala hispana e que estalou con aquel bum dos García Márquez, Vargas Llosa, Cortázar…?
–Totalmente. A literatura española escrita por autores de países americanos de fala hispana ten moito que ver co tratamento do portugués que fan os escitores brasileiros. Ven ser un fenómeno semellante, pero no caso que cita ocorreu co idioma español.
–Vde. tamén foi quen deu a coñecer en España a Jose Saramago. Foi o mellor escritor portugués do século XX?
–Se non o mellor, dende logo un dos mellores, un grande. De Saramago traducín toda a súa obra agás os seus dous últimos libros, dos que, como é loxico, encargouse a súa dona, Pilar del Río, que ademáis de española é unha boa tradutora.
–Outra das súas vocacións foi a de mestre, a de profesor. Que facía Vde para que tanto o quixeran, e ainda seguen querendo, os seus alumnos?
–O primeiro que ten que pensar un profesor é que non se debe ir ás clases a aburrir (a min góstame decir “aborrecer”) aos alumnos. As clases deben ter vitalidade. De min dixeron que eu era un gran conferenciante porque consideraban que non aburría nunca.
–Falemos do galego. Cre que se fixo ben a normativización do idioma ou habería que seguir, como defenden algúns, o modelo portugués mais que o castelán?
–Non exactamente. Eu o que penso e que se, por exemplo, queremos incorporar unha palabra nova ao idioma galego e temos dúas posibilidades, elixir entre a castelán ou a portuguesa, deberíamos escoller a portuguesa, porque esa sería a evolución lóxica de non ter existido a ruptura entre Castela e Portugal que derivou en que tamén se partira en dous o galego-portugués, que era un único idioma.
"O mellor que lle pasou a galicia no último século foi que se conseguíu recuperar a dignidade de falar en galego”
–E diso de falar ben ou mal o galego, que me di?
–Cada quen fala como sabe falar. Iso é moi sinxelo e non hai que darlle máis voltas.
–Neste eido, e despois de pasar toda a súa vida en Cataluña, que deberíamos admirar os galegos dos cataláns?
–O respecto a súa cultura. Nós tardamos en recuperar a dignidade polo noso idioma ata o século XX. Os cataláns nunca a perderon, nin a dignidade ni o respecto.
–Nos últimos anos, en Galicia estase a facer digamos que unha relectura da obra de Rosalía de Castro que Vde. tan ben coñece. É hora de rachar co tópico da Rosalía chorona, melancólica…?
–Cada quen ten dereito a pensar o que queira e ainda diría que ata ten dereito a decir o que pensa (risos). Rosalía puxo de novo en marcha unha literatura galega que, ata o século XIV, estaba considerada unha das grandes literaturas de Europa, e que ficou arrinconada, estancada, ata o século XIX. Ela foi a que rompeu o arrinconamento do galego e a que deu o primeiro pulo para que despois os que viñemos detrás puidésemos recompoñer a nosa lingua, que quedara varada coa independencia de Portugal.
–Da súa bibliografía, chama a atención a única novela que escribiu e publicou, “La Peregrina”. Fíxoo aos 70 anos de idade. Non lle pareceu un pouco tardía a súa estrea na ficción?
–Si, e ademáis escribina por casualidade, xa que resulta que un editor italiano retóume a ver se eu era quen de escribir unha novela en 15 días. Ofreceume, se o conseguía, 250.000 pesetas (1.500 euros), de maneira que púxenme man á obra e en 15 días a novela estaba feita, e iso sen ter que deixar as clases que eu estaba dando na Facutade de Filoloxía. Daba clases polas mañán e escribía a novela polas tardes.
–Unha novela que trata do Camiño Santiago.
–Si, aproveiteime da miña experiencia de facer o Camiño; fíxenno dúas veces a pé e unha en coche.
–Pois este é a fin do camiño desta entrevista, don Basilio. Moitas grazas pola súa amabilidade.
–Non hai de que. Pero isto non é amabilidade, é cortesía. Sería amabilidade se estivésemos os dous, aquí na miña casa, xuntos.