Fotógrafo de “Faro de Vigo”, escolmou dos seus milleiros de negativos, máis de trescentos humildes cartaces en branco e negro, para concentrar nun segundo libro outra memoria das últimas catro décadas da cidade de Vigo. Este segundo volume, dun proxecto máis ambiciosos que iniciara xa xubilado cunha exposición antolóxica e coa edición dun primeiro libro “Vigo por Magar” (Xerais 2002), é unha crónica xornalística inqueda e aguda, como foi sempre o traballo de reporteiro do seu autor.
Porque esta é unha síntese histórica vivísima, intensa, ás veces divertida e irónica, outras tráxica e melancólica, dunha cidade que, a pesar de todas as dificultades, soubo sempre atopar unha fenda para a renovación e para o entusiasmo. Cada unha destas fotografías de Magar agocha unha historia secreta que podemos rememorar ou imaxinar. Cada cartaz é un microrrelato visual de vidas anónimas e de esforzos ou tristezas colectivas.
No libro amósase o esforzo da cidade dos obreiros nas factorías de Barreras e Citröen, a das pescantinas do Berbés, a das tetilleiras da praza, mais tamén a cidade que na rúa reclama os seus dereitos. Así como a presenza dunha longa galería de familias, alcaldes, concelleiros, empresarios, bancarios, comerciantes, xornalistas, médicos, empregados, escritores, músicos, escolares, antigos alumnos, taxistas, bombeiros, policías municipais, candidatas a “Miss Vigo”, funcionarios, peñas de amigos ou de xentes de máis posibles que frecuentaban as instalacións do Aero Club ou do Real Clube Náutico.
Nin se oculta a importancia do deporte nunha comunidade con vontade de cidade olímpica, sexan os fondistas do Celta, os regatistas de esnais, os remeros do Nautico, os pelotaris do frontón do Carme, os balonmanistas do Vulcano e da Academía Octavio, os futbolistas modestos, os derbis do Gran Peña-Turista, ou do Celta Xuvenil, xermolo do que logo sería o primeiro Celta europeo de xogadores galegos.